SOCIAL | A frente nacionalista propón tamén retirar as bandeiras da UE das institucións públicas en sinal de protesta polo acordo con Turquía. O alcalde Miguel Fernández Lores foi o primeiro en arriar a bandeira europea no Concello de Pontevedra. Ana Pontón denunciou as políticas imperialistas que provocan este drama.
A Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, fixo un apelo ao pobo galego para participar nas mobilizacións previstas para esta semana (cuarta feira, 16 de marzo) e a vindeira en defensa dun “trato humanitario e xusto” aos refuxiados e refuxiadas .
A dirixente nacionalista cualificou de indigno o comportamento da UE coas persoas refuxiadas e a afirmou que a Unión Europea está a vulnerar os dereitos humanos e a legalidade internacional, para alén de propiciar o auxe de políticas xenófobas e racistas no conxunto de Europa. Neste sentido, anunciou que o BNG proporá “en sinal de repulsa e como acto simbólico” a retirada de todas as bandeiras da Unión Europea das institucións e edificios públicos.
De facto, algúns concellos comezaron xa a arriar as bandeiras da UE. O primeiro en o facer foi o de Pontevedra da man do seu alcalde, o nacionalista Miguel Fernández Lores. Tamén o da Coruña baixou a bandeira, atendendo así a petición feita o día anterior pola concelleira do BNG Avia Veira. O Bloque Nacionalista Galego levou esta proposta tamén ao outros concellos galegos.
Ana Pontón considerou que a retirada das bandeiras da U.E é unha medida máis de presión frente a unha política que vulnera a legalidade mais tamén “a xustiza, a humanidade e os valores que deben impregnar calquera sociedade democrática”. “As políticas imperialistas dos países da propia Unión Europea e de EE.UU -recalcou a deputada- arrasan poboacións enteiras e provocan un drama humano inaceptábel á altura do século XXI”.
Pola súa parte, o Grupo Parlamentar do BNG mantén nos seus escanos un cartaz co lema “Non ao acordo da Unión Europea e Turquía para expulsar as persoas refuxiadas”.
As mobilizacións previstas na cuarta feira son as seguintes:
- A Coruña, 20h diante do Obelisco
- Ferrol, 20h diante da sede da Xunta da Galiza
- Compostela, 20h na Praza do Toural
- Burela, 20h diante do Concello
- Viveiro, 20h diante do Concello
- Lugo, 20h na Subdelegación do Goberno
- Ourense, 19:30h na Subdelegación do Goberno
- Vilagarcía de Arousa, 20h na Praza da Galiza
- Vigo, 20h diante do MARCO
- Pontevedra, manifestación, 20h desde a Peregrina até a Subdelegación do Goberno