Día das mentiras: “No primeiro de abril van os burros onde non deben ir”

1 de abril - Dia da Mentira

SOCIAL | O día 1 de abril é na tradición galega o ‘Día dos enganos’ ou ‘Día das mentiras’, a ocasión para facer brincadeiras ás amizades ou divulgar falsas noticias para gozar coa confusión das persoas crédulas. Unha data para recuperar plenamente para a celebración  popular frente á preeminencia, hoxe evidente, da tradición española do ‘Día dos santos inocentes’.

Antes de que o proceso de asimilación cultural practicamente conseguise apagar esa data da memoria colectiva, o primeiro de abril celebrábase por todo o País con bromas e falsas noticias que tiñan por obxectivo enganar as persoas incautas e desfrutar co resultado. De aí o nome de ‘Día dos enganos’ máis común na Galiza, ou ‘Día das mentiras’.

Unha das brincadeiras preferidas na tradición popular é enviar alguén a algún lugar con información falsa, por exemplo, pedíndolle para buscar algunha cousa. Se a persoa for, será motivo de burla. Esa é, con certeza, a razón da expresión que se asocia ao día: ‘No primeiro de abril van os burros onde non deben ir’.

A orixe desta celebración é discutida. A versión máis popular defende que aparece en Francia no século XVI. Na altura, o Ano Novo era celebrado a 25 de marzo, coa chegada da primavera, e os festexos continuaban até 1 de abril. En 1564, após a adopción do calendario gregoriano, o rei Carlos IX estabeleceu que o Ano Novo sería festexado a 1 de xaneiro. No entanto, algunhas persoas continuaran a seguir o calendario antigo, polo cal o ano comezaba en 1 de abril. As persoas partidarias do novo calendario pasaran entón a ridicularizalos enviándolles  presentes estraños e convites para festas que non existían.

A partir de aí, o ‘Día das mentiras’ estenderíase a outros lugares. Nos países anglosaxóns é coñecido como April Fools’ Day, “Día dos Parvos (de abril)” e até os grandes xornais costuman divulgar -ese día de maneira evidente- algunha falsa noticia. Na Italia e na Francia é chamado respectivamente pesce d’aprile e poisson d’avril, literalmente “peixe de abril” e o costume é cortar peixes de papel e colarllos nas costas á xente.

Na Galiza, a recuperación do ‘Día dos enganos’ comezou hai xa algúns anos, como aconteceu con outras tradicións populares case perdidas como a do Apalpador ou a Noite das bruxas (Samaín). No entanto, a celebración fica aínda moi lonxe da popularidade  dos ‘inocentes’, consecuencia da asimilación cultural española, e será preciso moito traballo de divulgación para restaurar plenamente a tradición galega.

Anúncios

Um pensamento sobre “Día das mentiras: “No primeiro de abril van os burros onde non deben ir”

  1. Pola Baixa Limia nunca se perdeu. Hoxe case ninguén celebra ese día das bogas (unha “boga” é unha mentira na miña terra), pero os que pasamos dos 50 témolo moi presente nas nosas lembranzas de nenos. Concretamente, na miña aldea de Farnadeiros (Muiños) era un día de moitas mentiras entre todo o mundo, vellos e novos, ata os anos 80. O máis socorrido era mandar a alguén a lugares por motivos falsos, por exemplo: ”…de parte de Fulano da aldea Tal que se lle podes ir botar unha mao co esterco despois de xantar” e alá ía o home…perder o tempo!, pero tamén se metían outro tipo de bogas e enganos.

    Gostar

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão /  Alterar )

Google photo

Está a comentar usando a sua conta Google Terminar Sessão /  Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão /  Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão /  Alterar )

Connecting to %s