GALIZA, 1 de ABRIL | Segundo fixo público na tarde-noite de onte Mariano Rajoy após unha reunión en Madrid con grandes empresarios españois, o PP proporá Núñez Feijoo como candidato á Presidencia do Goberno coa perspectiva de conseguir así o apoio de Ciudadanos e desbloquear a situación política no Estado. Pola súa parte, fontes do PPdeG confirmaron que o seu candidato nas próximas galegas será Xose Manuel Baltar.
Desvéndase por fin a incógnita mellor gardada dos últimos tempos no noso País: o destino político de Alberto Núñez Feijoo. Era un segredo a voces que, desde a súa perspectiva persoal en chave española, a presidencia da Xunta lle ficaba pequena e aspiraba a ‘dar o salto’ a Madrid. Acontecía que as súas ambicións políticas chocaban cos designios de Mariano Rajoy e parecía dar xa por perdida a partida.
No entanto, a situación de bloqueo político no Estado veu favorecer os seus intereses. A insistencia de Ciudadanos en vetar Rajoy como candidato para apoiar o PP e a posibilidade de se articular un goberno ‘do cambiazo’, forzaron Génova a mudar de estratexia. Proporán Feijoo como candidato para tentar seducir Albert Rivera e obter a maioría parlamentar que lles permita reter o goberno.
Por outro lado, fontes do PPdeG consultadas por A República da Galiza confirmaron que o candidato dos populares á Presidencia da Xunta será Xosé Manuel Baltar, que deixa Ourense e os problemas que alí se lle acumulan para ‘dar o salto’ a Compostela.
As mesmas fontes aseguraron non estaren preocupados pola denuncia que pesa sobre Baltar por trocar -presuntamente- traballo na Deputación de Ourense por favores sexuais. Xa no seu día Feijoo aclarou que quen actuara incorrectamente fora a muller, por tentar Baltar cos seus encantos, e que o Presidente da Deputación fora un home íntegro por resistir a tentación.
Por último, convén recomendar a quen isto ler e que, en consecuencia, poda estar preocupado/a ou entusiasmada/o coas noticias, que vaia serenando as emocións, pois hoxe é 1 de abril, o Día dos enganos na tradición galega, e esta información é toda mentira… Ou non?
Se quixeres saber máis sobre esta celebración galega, popular antes de que o proceso de asimilación cultural fixese con que pasase a ser máis coñecida a tradición española do ‘Día dos santos inocentes’, podes ler aquí mesmo Día das mentiras: “No primeiro de abril van os burros onde non deben ir”.