No 12 de outubro, Galiza Nova reclamou a independencia

gn-12o

GALIZA | A organización xuvenil do BNG realizou na mañá do día 12 de outubro un acto simbólico en Santiago de Compostela para confrontar ao ‘Día de la Hispanidad’ a reclamación de soberanía para a nación galega. Galiza Nova despregou unha bandeira da patria xigante e un mosaico co lema ‘Independencia’.

A organización xuvenil patriótica denunciou que o Estado español “condena a Galiza á dependencia e á miseria e empéñase en anular con todos os seus medios a nosa identidade nacional”, e salientou que nos encontramos ante un sistema “totalmente corrompido no que a Constitución é amparo legal das accións socialmente máis inxustas que estamos a padecer”.

Segundo Alberte Mera, Secretario Xeral de Galiza Nova, as políticas levadas a cabo polos gobernos español e galego “están centradas unicamente no beneficio das grandes multinacionais e no empobrecemento xeralizado do pobo e están obrigando a mocidade galega a emigrar e labrar un futuro lonxe da nosa terra, deixándoa baleira e abocada á miseria e ao avellentamento da poboación”.

Mera afirmou que non é tempo de celebracións senón de denuncia  e  indicou que a autoorganización do pobo galego, “sen dependencias nin tutelaxes”, é o único camiño para a emancipación nacional da Galiza.

Deixe um comentário