SOCIAL | A organización xuvenil nacionalista salienta que desde a chegada de Feijóo á presidencia da Xunta en 2009 emigraron máis de 147.000 persoas, a maioría delas mozas. Galiza Nova entende como prioritario apoiar o I+D+i e elaborar un Plan galego de emprego xuvenil.
Galiza Nova sinala que desde 2013 o investimento da Xunta de Galiza en I+D+i diminuíu cada ano e, en consecuencia, un total de 106 investigador@s e docentes tiveron de emigrar a outros países da Unión Europea ao teren perdido o seu posto de traballo nas universidades galegas. Aliás, resalta que desde a chegada de Feijóo á Xunta foron eliminados máis de 83.000 empregos xuvenís, e 6 de cada 10 moz@s de Galiza están no desemprego.
A organización xuvenil do BNG destaca que a Galiza “foi punteira durante anos en investigación médica e farmacéutica e avanzadas curas de cancro e outras doenzas, en investigación en produción enerxética, en desenvolvemento sostíbel e en mil campos máis. Mais agora, estas e estes investigadores traballan noutros países, a pesar de térense formado na Galiza”.
A mocidade nacionalista entende que embora coa crise e as políticas regresivas aplicadas polos gobernos do Estado e da Xunta se agravasen os índices de desemprego xuvenil , “este é un problema estrutural que vén padecendo a Galiza nas últimas décadas”, e que, na opinión de Galiza Nova, só será arranxado con políticas que busquen a creación de emprego xuvenil na Galiza “e feitas dende aquí, coñecendo a nosa realidade e con vontade verdadeira para cambiala”.
Galiza Nova exixe impulsar o financiamento da investigación e de todo tipo de proxectos “para xerar postos de traballo de calidade na nosa terra, para que as nosas xeracións máis formadas non teñan que seguir a emigrar”. A organización xuvenil salienta tamén a importancia de o Goberno da Xunta estabelecer un Plan Galego de Emprego Xuvenil “dirixido á inserción laboral da xente nova e adaptábel á realidade de cada concello, ao tempo que se guíe o traballo cara a sectores estratéxicos de cada zona do País”.
LER MÁIS na WEB DE GALIZA NOVA