BNG reivindica a República galega

RG

GALIZA |  “Porque temos dereito ao futuro, erguemos, máis unha vez, a bandeira da República. Unha república nosa, galega, social e democrática, que aposte no benestar, na xustiza e na igualdade; na educación, a sanidade, a vivenda e a cultura como dereitos; no laicismo, na defensa da terra e no respecto dos dereitos das persoas e dos dereitos nacionais de todos os pobos do mundo. Esa será a nosa república, a República da Galiza”.

O Bloque Nacionalista Galego reivindica hoxe, por medio dun post nas redes sociais, a República galega. É a maneira de lembrar, frente á glorificación acrítica da República española -habitual cada 14 de abril- que para alén da recuperación da memoria pretende presentala como modelo para o futuro, que “unha simples mudanza na forma do Estado non mudará nada esencial no noso País e non resolverá os problemas que padecemos se non rompermos a dependencia á que Galiza está sometida”, tal e como se recollía no manifesto publicado en abril de 2015.

Nese documento, que leva por título Erguer os soños e as esperanzas. Manifesto por unha República galega, o BNG salienta que o Estado español se mostra a cada día máis desvergoñadamente como o que é: “un aparello ao servizo da clase dominante, das grandes empresas, da banca e do poder económico. Un sistema corrupto, que nos nega o pan e o sal, que practica sen disimulo políticas antisociais absolutamente crueis e insensíbeis, que elimina dereitos conquistados, expulsa as persoas das súas vivendas e condena a maioría da poboación ao desemprego e á miseria”.

Frente a esta realidade, o BNG entende que non serven mudanzas cosméticas, que se limiten a mudar a forma do Estado unitario de monarquía para república, e garante que “para podermos mudar realmente esta situación precisamos de liberdade e de capacidade para decidir en función dos nosos intereses como nación, precisamos de soberanía”.

Esa é a razón, explica o BNG, pola cal “as nosas conviccións profundamente democráticas e republicanas se expresan en galego, se simbolizan coa bandeira da nosa Patria e deberán concretarse, máis cedo que tarde, na construción do noso propio Estado soberano. E por iso tamén, facemos un apelo aos galegos e galegas para ergueren os soños e as esperanzas, -as de cada un/ha de nós, as de todo un pobo-, e para os transformar en realidade”.

LER AQUÍ O MANIFESTO COMPLETO: ERGUER OS SOÑOS E AS ESPERANZAS

 

Deixe um comentário