SOCIAL | Convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG), a manifestación, á que se uniron o colectivo de emigrantes retornados e os mariñeiros do Long Hope, sairá ás 12 da mañá da Alameda de Santiago de Compostela.
O Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, salienta que após os recortes producidos a partir de 2011, os debates na Comisión do Pacto de Toledo, as recomendacións do FMI, da OCDE, así como “os recentes anuncios do goberno sobre a prolongación da idade da xubilación, ou o recente decreto de contratos relevo e xubilación parcial confirman a pretensión de introducir novos recortes”.
Carril lembrou que en 2011, o PSOE, “co apoio de UGT e CCOO”, aumentou a idade de xubilación dos 65 aos 67 anos, incrementou de 15 a 25 anos os anos para o calculo das pensións e introduciu o chamado factor de sustentabilidade, “co obxectivo de deteriorar as contías das pensións”. Ademais, a reforma realizada polo PP en 2013 “eliminou o IPC para o incremento das pensións, impondo o 0,25 e adiantou a aplicación do factor de sustentabilidade”.
O Secretario Xeral da CIG asegurou que a lexislación que se pretende levar adiante, do mesmo xeito que a aprobada nos últimos anos, “vai no camiño do empobrecemento das pensións se non o impedimos” e considerou que “é a través da mobilización como seremos capaces de combater o desmantelamento do sistema públicos de pensións e o seu empobrecemento”.
Máis información na WEB da CIG