CIG conmemora 50 aniversario das folgas obreiras de 1972

SOCIAL | A Confederación Intersindical Galega (CIG) presentou nesta cuarta feira os actos conmemorativos do 50 aniversario das loitas de 1972 que deron comezo ao movemento obreiro galego. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manual Anxo Grandal, foron os encargados de dar a coñecer o programa de actividades que se desenvolverán nas próximas semanas baixo o lema “Somos Clase. Somos Nación. A loita continúa“.

Sobre o lema escollido, o secretario xeral da CIG explicou que no actual proceso de crise económica e social “as reivindicacións do ano 72 están plenamente vivas e vixentes”. Mais se cabe, no que ten a ver coa defensa do marco galego de relacións laborais, tendo en conta que estamos nun proceso de intensa recentralización que dificulta que a clase traballadora galega poida ser a protagonista na negociación das súas condicións de traballo e salariais.

“Seguimos loitando polo dereito a negociar aquí os nosos convenios. De igual maneira que hai 50 anos os traballadores e as traballadoras de Ferrol loitaron en defensa dun convenio propio para o estaleiro de Bazán fronte ás pretensións de impoñerlle o mesmo convenio que fora pactado para Cartagena e Puerto Real”, salientou.

Carril advertiu que a reforma laboral que se acaba de aprobar, que non recupera nin gaña novos dereitos, “é a expresión actual de por que temos que defender os marcos propios”. “Con máis razón aínda, engade, se temos en conta que a crise industrial e social que vivimos pretende resolverse anulando ou deixando sen efecto a capacidade de Galiza de valerse por si propia e de utilizar as súas competencias”.

Neste senso, o secretario xeral da CIG critica o “lamentábel papel do Goberno galego” que, baixo a aparencia dun discurso combativo ante Madrid, contribúe coa súas políticas á destrución do noso tecido produtivo e a consolidar o papel colonial e dependente de Galiza. “E a reforma que precisaba Feixoo para acabar de cometer un deseño moi funcional aos intereses do fondos de investimentos e de dependencia aos gobernos de Madrid e a UE, mentres a clase traballadora galega e o pobo galego seguimos indo a pique”.

Puxo o acento no feito de que, un ano despois da folga xeral que paralizou as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, “os Gobernos continúan sen dar respostas ás reivindicacións que nos levaron a esa folga. Resulta lamentábel comprobar que o simple transcurso do tempo é a solución á que se acollen o Goberno español e a Xunta, malia ser conscientes de que non resolvendo estas problemas contribúen a afondar na crise da comarca”.

Así, lembrou que non se achegaron solucións ao naval da comarca nin se adoptaron medidas para garantir un proceso de transición enerxética xusto para As Pontes, pois a día de hoxe non existe unha alternativa industrial e de emprego de futuro. “Hai moita propaganda, anuncios e fume, pero non se toman decisións que realmente permitan mudar a situación”, censurou.

Valorou Carril que “Ferrol segue sendo a zona cero da crise industrial” e máximo expoñente da crise que temos no país, presente en todo o norte pero que avanza tamén cara outras zonas de Galiza.  “Non haberá actuacións políticas críbeis de solución á crise se non hai solucións para Ferrol. E nin PSOE nin PP están actuando neste sentido, ao contrario, as súas políticas van en contra dos intereses da comarca, como evidenciaron votando en contra dun novo dique de reparacións para o estaleiro de Ferrol”.

Actos da CIG polos 50 anos das loitas obreiras do 72

Na comparecencia para os medios, o secretario comarcal da CIG-Ferrol, Manuel Grandal, explicou que o primeiro dos actos terá lugar este mesmo xoves, 24 de febreiro, coa proxección do vídeo-documental elaborado pola CIG, “A semente de 1972”, no que se repasa o contexto socioeconómico e os sucesos daquel ano, e se analiza e a súa transcendencia no movemento obreiro galego e na construción do sindicalismo nacionalista.

O pase terá lugar no Ateneo Ferrolán ás 19:00 horas, mentres que o xoves 3 de marzo proxectarase na Casa da Cultura de Fene, á mesma hora. Posteriormente o vídeo tamén será proxectado en diferentes centros de ensino da comarca.

Con motivo do 50 aniversario, a CIG tamén trasladará a Ferrol a xuntanza do Consello Confederal (máximo órgano de goberno entre congresos) convocada para o venres 4 de marzo, e que normalmente se reúne en Compostela.

Ese mesmo día, pero pola tarde, terá lugar o acto de entrega dos Premios 8 de Marzo e 10 de Marzo, que a central outorga este ano á loita do persoal de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago e á loita do persoal da fábrica de IKF da Guarda, respectivamente. Ademais, aproveitarase para entregar os premios dos anos 2020 e 2021 xa que por mor da pandemia estes actos foran suspendidos.

Como non podía ser doutro xeito, para o propio día do 10 de marzo, a CIG ten convocada unha manifestación con carácter nacional que sairá ás 12 horas dende a Porta principal de Navantia e rematará no monumento ao 10 de Marzo, onde se fará a tradicional ofrenda floral. Sobre o Día da Clase Obreira Galega, Grandal criticou que o Concello de Ferrol se negara a dedicar este ano 2022 á memoria dos sucesos de marzo do 72, malia ser unha data tan sinalada da que conmemoramos o 50 aniversario.

Xunto a isto, a CIG editou tamén un libro divulgativo e unha acuarela conmemorativa e ten convocadas asembleas de delegadas e delegados en todas as comarcas para mañá 24 de febreiro nas que se porá en valor a vixencia das loitas do ano 1972, que teñen o seu inicio en Ferrol e que logo se estenderon a Vigo coa histórica folga de setembro. “Pero se hai un setembro do 72 en Vigo e porque houbo un marzo do 72 en Ferrol”, recalcou Carril, adiantando que a vindeira semana a CIG presentará o programa de actividades que vai desenvolver na comarca de Vigo de cara ao mes de setembro.

Avantar

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão /  Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão /  Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão /  Alterar )

Connecting to %s