Néstor Rego defende solidariedade para levar material médico a Cuba

INTERNACIONAL | BNG leva ao Congreso a campaña de solidariedade internacional destinada á adquisición de xiringas para a vacinación contra a COVID-19 e facilitar a adquisición de produtos destinados á fabricación de vacinas e medicamentos en Cuba. Así mesmo, o deputado da frente nacionalista reclama ao Goberno do Estado apoiar o levantamento do bloque político, comercial e financeiro contra a illa e mediar para que se derroguen as leis Helms Burton e Torricelli co obxectivo de estabelecer unhas relacións baseadas no respecto á legalidade internacional, a paz, a soberanía nacional e a cooperación.

Os avances nas relacións entre Cuba e Estados Unidos durante os mandatos de Obama foron derruídos durante a presidencia de Trump que chegou a retirar persoal diplomático da Habana. Co goberno de Biden parece non ser unha prioridade revisar esta política internacional e continúa a manter o bloqueo con máis de corenta medidas contra Cuba. A curto prazo, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas volverá votar a necesidade de “poñer fin ao bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos Estados Unidos contra Cuba”.

“Os acordos cubano-norteamericanos deben fortalecer a convivencia entre os dous países soberanos e veciños, facilitar os movementos de persoas e da economía, á vez que debe profundar nas garantías dos Dereitos humanos en ambos os países” enfatiza Rego. De feito, Cuba está a enfrontar grandes dificultades para obter equipamento e materias primas para a produción de medicamentos contra o SARS- COV-2.

“As doazóns e compras no exterior non puideron materializarse debido ás sancións que forman parte do bloqueo. Ademais, poden sinalarse outras agresións como as medidas adoptadas contra a cooperación médica cubana, os impedimentos para a renovación de licenzas de compañías, a redución extrema do transporte aéreo ou o ataque ás remesas, pois a compañía norteamericana Western Union cesou a entrega de remesas en Cuba por mor das medidas unilaterais do Goberno dos EEUU para impedir esa actividade na illa” explica o deputado nacionalista.

Segundo as cifras de SODePAz, a COVID-19 tivo un impacto limitado sobre a saúde en comparación coa grave afectación noutros países, pero unha enorme repercusión sobre a economía. As xiringas son das firmas norteamericanas Becton Dickinson e Cardinal Health, a alemá B Braun e a danesa Novo Nordisk. Con todo, Cuba non pode adquirir as fabricadas por empresas radicadas nos EEUU.

Así mesmo, é necesario envasar as vacinas nun vial farmacéutico clásico, o pequeno frasco no que se conserva e do que se extrae a vacina para a súa inxección. Por tanto, do mesmo xeito que se necesita ter vacinas suficientes para o conxunto da poboación, é imprescindíbeis ter viarias para esas vacinas e xiringas para poder aplicalas.

“A cadea de produción ata que unha vacina está lista para ser administrada é longa, complexa e global, pois involucra a varios países” afirma Rego. Neste contexto, os países que teñen capacidade de produción “están a bloquear a súa exportación, como é o caso de EEUU que bloquea moitos dos produtos imprescindíbeis para fabricar vacinas contra a COVID-19”.

En definitiva, aínda que Cuba dispón das vacinas producidas no país, carece doutros elementos necesarios para a campaña de vacinación como xiringas ou frascos para os viais, pois deben ser comprados no mercado internacional e Cuba non dispón das divisas suficientes. Estes produtos están monopolizados por poucas empresas, algunhas delas norteamericanas e debido ao bloqueo non poden ser vendidos á illa.

Neste sentido o BNG insta ao Goberno do Estado a que colabore nesta campaña para levar xiringas a Cuba, pero tamén levou iniciativas a outros ámbitos como é o caso do Concello de Santiago, onde a Portavoz municipal, Goreti Sanmartín, presentou unha moción para que Compostela participe tamén nesta proposta solidaria de apoio.

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão /  Alterar )

Google photo

Está a comentar usando a sua conta Google Terminar Sessão /  Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão /  Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão /  Alterar )

Connecting to %s