A Plataforma en Defensa dos Dereitos Nacionais da Galiza convoca unha manifestación nacional que decorrerá domingo, 18 de abril, en Compostela, baixo o lema “Galiza nación. Un pobo con dereitos”. Sairá ás 11.30 da Alameda compostelá e rematará na Praza da Quintana.
Vía Galega, constituída en xaneiro de 2018 como plataforma social ampla, vén defendendo o recoñecemento da Galiza como nación e o dereito de autodeterminación.
Ese recoñecemento e o exercicio dos dereitos a el asociados é o motivo central do apelo que Vía Galega realiza a participar da mobilización: “Somos unha nación. Temos o dereito e a vontade de existir politicamente como pobo soberano. Manifestémonos, o 18 de abril, en Compostela para terminar co asoballamento político, económico, social, lingüístico e cultural polo estado español, e exixir que as galegas e galegos podamos gobernarnos a nos mesmos”
Aliás, a Plataforma salienta que esta manifestación será “a culminación da campaña que ao longo de seis meses Vía Galega estivo levando a cabo por todo o país” e lembra a necesidade de observar todas as normas estabelecidas como consecuencia da COVID-19.