BNG defende no Parlamento da Galiza a liberación das patentes das vacinas da COVID-19

SOCIAL | O BNG leva ao pleno do Parlamento da Galiza que decorre esta semana a eliminación das patentes das vacinas contra a COVID19 mentres dure a pandemia e, cando menos, até que se logre a inmunidade de grupo perseguida.

Nunha proposición non de lei que defenderá a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, o Bloque procurará o acordo da Cámara para apoiar a exención dos dereitos de propiedade intelectual relacionados co comercio de fármacos -en especial as vacinas-, tecnoloxía e probas diagnósticas relacionadas co coronavirus, unha proposta global que parte de India e Sudáfrica e que xa foi apoiada por máis dun cento de países, organizacións sociais e sindicais.

Segundo explica Prado, a medida faise necesaria ante “o caos no que, como estamos vendo especialmente nestes últimos días, nos atopamos mergulladas: caos na administración da vacina, caos polos continuos cambios na estratexia de vacinación e caos pola falta de doses”.

A deputada nacionalista recalca que a que tiña que ser a primeira prioridade agora mesmo, “salvar vidas”, foi convertida en realidade “nunha inmensa transacción económica ou, o que é o mesmo -recalca-, a nosa saúde, en mans da poderosísima industria farmacéutica que está obtendo beneficios multimillonarios con esta pandemia”.  

O BNG considera unha obriga das Administracións Públicas responsabilizarse da saúde colectiva “e non externalizala e deixala a expensas dos intereses de empresas privadas”, incide Prado, logo de lembrar que o feito de poder contar en menos dun ano con vacinas é froito non só dun esforzo por parte das farmacéuticas, “senón de fortes investimentos públicos cifrados en máis de 25.000 millóns”, ademais da redución dos trámites de aprobación e o recrutamento de persoas voluntarias para os ensaios.

“Todo este esforzo colectivo non pode poñerse ao servizo do negocio das compañías do sector”, advirte para argumentar a necesidade de liberar as patentes das vacinas e do resto de fármacos empregados na loita contra o virus para posibilitar así a súa produción masiva e garantir a inmunidade e a protección do conxunto da cidadanía no menor tempo posible.

Neste sentido, a proposición nacionalista tamén avoga por non limitar ningunha vacina que teña superado os preceptivos controis sanitarios e que se incorporen aos procesos de adquisición todas aquelas que están aprobadas. Así, no texto da iniciativa aféase “a hipocrisía da Unión Europea de parecer indignarse co incumprimento das farmacéuticas na entrega de doses mentres, por outro lado, bloquea a adquisición doutras dispoñibles” e defende que, na vez de laiarse e de anunciar atrasos e máis atrasos, “se activen todos os mecanismos posibles para realizar a súa produción masiva”.

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão /  Alterar )

Google photo

Está a comentar usando a sua conta Google Terminar Sessão /  Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão /  Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão /  Alterar )

Connecting to %s