GALIZA | Agora é Electomanía, web española especializada en demoscopia, que atribúe un deputado ao Bloque Nacionalista Galego nas próximas eleccións de 10 de novembro. Con anterioridade, dous inquéritos de Sondaxe publicados por La Voz de Galicia nos pasados 29 de setembro e 6 de outubro tamén recollían a volta do BNG ao Congreso.
O ElectoPanel feito público nesta cuarta feira (9) asigna ao BNG unha porcentaxe de 0,6% no conxunto do Estado. Cabe lembrar que en 2011 con 0,7% a forza nacionalista elixiu 2 representantes no Congreso.
A sondaxe publicada indica que tamén entraría a CUP con 2 representantes. ERC obtería 15, JxCat 6, PNV 6 e EH Bildu 4.
Baixan Podemos e Ciudadanos
Segundo Electomanía, o PSOE podería obter 128 deputad@s (agora 123); PP 103 (66) e VOX 28 (24). Podemos baixaría de 42 para 31 e Ciudadanos afundiríase, pasando de 57 para só 15 representantes.
O inquérito tamén modera a entrada de Más País, que podería obter 5 deputad@s, moi lonxe dos 14/15 que lle atribuían outras sondaxes.