GALIZA | O partido de Íñigo Errejón negou nesta terza feira (1) que existise interese nunha coalición con En Marea. Confesan que atenderon a chamada dos de Villares “por deferencia”, mais que nunca pensaron nun acordo debido ao pouco contributo electoral que podían achegar.
Esta información, recollida pola axencia Europa Press, desmentiría o motivo aducido por Villares para explicar a falta de acordo. Segundo o portavoz de En Marea terían sido as “dificultades atopadas para que Más País asumise unha auténtica axenda galega”. A versión do partido de Errejón é, no entanto, que foron eles os que non quixeron o acordo.
Cabe lembar que no sábado 21 En Marea anunciou que se presentaban ás Eleccións Xerais e que propuñan unha coalición de “forzas progresistas galegas”, sen esclarecer se isto incluía tamén partidos de ámbito estatal. Porén, na segunda feira (23), e após a decisión de Más Madrid de se presentar, Villares anunciou que buscarían un acordo con Errejón. Esa foi a posición que mantiveron até sábado (28), explicitada aínda polo deputado Pancho Casal na quinta feira (26).
No entanto, a partir do fracaso dos intentos de acordar con Más Madrid, En Marea voltou a chamar a unha candidatura galega. Mais a proposta de última hora (o prazo de caolicións fechaba na segunda (30) ás 2 da tarde) non tivo eco nas forzas interpeladas. No domingo (29) Anova decidía non se presentar ao fracasar o acordo que buscaban con Podemos e Izquierda Unida. Así as cousas, En Marea tamén anunciou que sopesaría se concorrer ou non aos comicios de 10 de novembro.