Dous anos após o 1-0 na Cataluña: nada muda no Madrid das porras

1-0

INTERNACIONAL | [Nicolas Tomás – El Nacional  Operación porras. Agora hai dous anos, a 1 de outubro de 2017, milares de axentes da Policía Nacional e a Garda Civil mallaban cataláns que só querían depositar unha papeleta nunha urna. A resposta represiva do Estado marcou un antes e un despois en moitos sentidos. Especialmente para a sociedade catalá, mais tamén para unha parte da sociedade do Estado español, que tamén saíu ás rúas.

Aquel día mesmo compareceu Pedro Sánchez de forma solemne desde Ferraz para “deixar claro o noso profundo desacordo coas cargas policiais”. Até o PSOE rexistrou un escrito para reprobar a entón vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría no Congreso dos Deputados. Foi a 3 de outubro, o mesmo día do discurso do rei Felipe VI. Fíxoo despois de que a alcaldesa de l’Hospitalet e membro da executiva federal, Núria Marín, pedise a cabeza de Mariano Rajoy.

Mais todo iso foi unha miraxe. Horas antes de que chegase ao pleno da cámara baixa española, os socialistas pediron eliminar da orde do día a exixencia de responsabilidades políticas á número dous da Moncloa. “Non era o momento”, argumentaban. Iso foi a 17 de outubro. Dez días máis tarde, xunto ao PP e Ciudadanos, os senadores do PSOE aprobaban a suspensión do autogoberno a través do artigo 155 da Constitución española (coa excepción do senador José Montilla, que podía permitirse abandonar a votación). Desde entón, e a pesar da montaña rusa da política española nos últimos dous anos, nada mudou. Madrid, como centro neurálxico dos poderes do Estado, non se move. Que todo mude para que todo continúe igual, en termos lampedusianos.

Non mudou coa moción de censura de xuño de 2018, cando se abría unha fenda de esperanza despois de botar Mariano Rajoy da Moncloa. Os partidos independentistas non dubidaron nin un segundo á hora de prestar os seus votos gratis  en troca dunha solución dialogada ao conflito catalán. Mesmo se restabeleceu o diálogo entre o Estado e a Generalitat e chegouse á Declaración de Pedralbes, onde ambos os gobernos se comprometían a facer posíbel “unha resposta democrática ás demandas da cidadanía de Catalunya, no marco da seguranza xurídica.” Mais veu a polémica figura do relator, a manifestación da praza Colón de Madrid e a ruptura de Sánchez, que preferiu abocar o país a un avance electoral antes que seguir pola vía do diálogo cos independentistas.

Non mudou tampouco despois das eleccións xerais de 28-A. Aínda que os deputados independentistas eran os que máis fácil lle puxeron a investidura, en troca simplemente dunha solución dialogada ao conflito catalán, para Sánchez foron o principal obstáculo. A súa máxima durante os case catro meses até a disolución das Cortes foi un goberno que “non dependese dos partidos independentistas”. E preferiu abocar España de novo ás urnas antes que formar goberno cun partido que ten outra visión do problema catalán. Nestes últimos días, Sánchez falou moito máis do 155 e “todos os resortes do Estado” que de diálogo. Tamén descartou unha amnistía para os presos políticos.

Dous anos despois do referendo de 1-O, coa sentenza do Tribunal Supremo a poucos días de saír do forno, nada mudou no Madrid político. Tanto dá que estea Pedro Sánchez ou Mariano Rajoy na Moncloa, que as cartas continúan sendo as mesmas: represión e ameazas de aplicación do 155 outra vez.

A rebelión tampouco muda

Tampouco mudou nada no resto de poderes do Estado. Pasaron dous anos do 1-O e por aqueles feitos aínda hai nove presos políticos detrás das grades. Ás portas do veredicto de Manuel Marchena, que se espera moi duro, as outras institucións do Estado fecharon filas. A pesar de pór a progresista María José Segarra á fronte da Fiscalía Xeral do Estado, e que ela pode dar instrucións aos seus súbditos, estes mantiveron a acusación pola rebelión, o delito máis grave do Código penal.

Para Oriol Junqueras piden até 25 anos de cárcere. Como se o escrito o tivese redactado o desaparecido fiscal xeral José Manuel Maza. Pola súa parte, a Avogacía do Estado, que depende directamente da Moncloa, non rebaixou moito a cousa: penas de entre 8 e 12 anos de prisión por sedición. E iso que só se tiña presentado na causa polo delito de malversación. Mentres tanto, o caixón das euro-ordes está a pique de se abrir de novo, agora coa escusa dun suposto terrorismo con Puigdemont e Torra como “colaboradores”.

O modelo basco

Non só non mudou a situación senón que, ás portas da sentenza, empeorou. Os poderes do Estado concertáronse. Desde a Audiencia Nacional, a Fiscalía e a Garda Civil, executando a Operación Judas por terrorismo nunhas circunstancias inverosímeis, até os medios de comunicación editados en Madrid e os grandes partidos españois, recuperando o modelo  basco: todo é ETA.

Nesta mesma segunda feira, Pablo Casado xa suxería facer uso da lei de partidos para voltar a ilegalizar formacións independentistas. Todo co visto e prace da Moncloa: Pedro Sánchez tamén comprou o marco basco e agora exixe ao presidente Quim Torra que “condene a violencia”. Unha historia que xa sabemos como finaliza.

Este artigo encóntrase no El Nacional

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão /  Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão /  Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão /  Alterar )

Connecting to %s