GALIZA | A participación de Felipe VI nesta segunda feira (30) na Universidade da Coruña activou a resposta da mocidade do BNG, que convoca unha concentración ás 11 da mañá diante da reitoría. Tamén Vía Galega convocou a protestar contra a visita do Borbón á Galiza.
Galiza Nova denuncia que “en pleno 2019” continúe pervivindo unha institución “totalmente anacrónica e antidemocrática, reinstaurada polo propio Franco” e advirte que, aínda que se pretenda facer un lavado de cara da monarquía, “trátase dunha institución que condena a Galiza á dependencia do estado español”.
A mocidade nacionalista rexeita a presenza de Felipe VI inaugurando o curso académico na universidade da Coruña, sinalando que se precisa “un novo marco galego no ensino, que dea resposta á nosa realidade social e nacional e aposte por contribuír para mellorar a calidade dun enisno galego”, que consideran hoxerelegado a ser “unha ferramenta do sistema na procura dun aumento do beneficio privado”.
Galiza Nova considera que “o único xeito de rachar coa monarquía e co estado español é continuar loitando pola nosa liberación nacional e pola constitución dunha República Galega verdadeiramente democrática”.
Cabe lembrar que tamén a Plataforma en Defensa dos Dereitos Nacionais da Galiza, Vía Galega, anunciou unha convocatoria para protestar contra a visita do rei español ao noso País. A concentración decorrerá ás 11 da mañá dinate da Reitoría da UdC.
LER MÁIS na WEB de GALIZA NOVA
LER TAMÉN
Via Galega convoca protesto contra a visita do Borbón á Galiza