GALIZA | Inmersa En Marea nun cisma que fai a división inevitábel, Anova vese abocada a decidir entre o apoio ás coalición española Unidos Podemos ou aceptar a proposta de Villares de concorrer con Compromís. Será por iso que busca xustificar a súa decisión nunha sorprendente proposta de incorporación á coalición de ERC, Bildu e BNG?
Nesta cuarta feira (23) Beiras anunciou xunto a Antón Sánchez en colectiva de imprensa que Anova está en disposición de “iniciar conversas” para se incorporar á candidatura das forzas soberanistas das tres nacións. O anuncio sorprendeu a propios e estraños, pois Anova foi até o de agora o principal escudeiro da formación de Pablo Iglesias na Galiza -como antes o fora de IU- frente á visión formalmente máis crítica co seguidismo da dirección madrileña do sector que se agrupa arredor de Villares.
Nesa medida, Anova tamén descatou pola súa belixerancia nestes anos contra o BNG. Por iso, cabe preguntar: É que a proposta de Anova será seria e sincera ou mais ben un presente envelenado que fai parte dunha estratexia para se xustificar no medio da grave división que vive En Marea e que a sitúa ao bordo da escisión?
Parece claro que pretende crear un problema ao BNG ao tempo que buscar unha xustificación para apoiar Unidos Podemos
Todo parece indicar que a En Marea villarista concorrerá ás eleccións europeas coaligada con Compromís. De feito, Mónica Oltra foi a estrela convidada de Villares no pasado Día da Patria. Pola súa parte, Podemos anunciou que se presentaría ás europeas como Unidos Podemos, pois iso é o que teñen acordado e asinado con Izquierda Unida.
Isto coloca Anova nunha situación complexa, pois é dificil xustificar a incorporación a unha candidatura española cos seus aliados tradicionais -IU e Podemos- cando o partido de que fan parte -En Marea- o fai con forzas soberanas como Compromís. A base política e electoral que aínda considera Anova unha forza nacionalista tería dificultades para aceptar esta escolla.
Nese contexto pode entenderse o xiro inesperado de Antón Sánchez e Beiras. Parece claro que pretende crear un problema ao BNG ao tempo que buscar unha xustificación para apoiar Unidos Podemos -ou mesmo non concorrer ás europeas, pois a opción de apoiar Villares fica descartada- diante da imposibilidade de se incorporar a unha coalición que as forzas soberanistas xa teñen fechada -de facto será apresentada nesta sexta feira en Compostela– e representada na Galiza por unha organización que desde 2012 foi o albo preferente das críticas de Beiras e de Anova.
Fica por ver como esta manobra é respondida pola Marea villarista, polos seus aliados de IU-Podemos e mesmo polo BNG.
Tentar voltar pra casa non e ningunha vergoña. Desaparecido o inmovilismo da vella garda do BNG, que naquela hora poido darlles algunha razón, hoxendía quen quiera loitar por Galicia non ten outro camiño que apoiar o BNG. Poido ter erros, e télos hoxe, pero ninguén pode por en dúvida a sua loita e fidelidade aos galegos, o galego , a GALICIA…
GostarGostar