30 anos de Galiza Nova: pasado, presente e futuro [Iria Carreira]

OPINIÓN | Este sábado (*) terá lugar a XV Asemblea Nacional de Galiza Nova no Centro Xove da Almáciga de Compostela, a terceira para min, na que se analizarán os retos de futuro da organización. Chegamos a ela con multitude de debates enriba da mesa, como cal debe de ser a nosa aposta para a normativización da lingua, ou a vixencia do pensamento de Castelao na nosa práctica diaria. Mais temos tamén o convencemento de que o nacionalismo é a chave de futuro para a mocidade galega, para poder ter un emprego digno, para ser mulleres libres, para vivir nunha Galiza liberada.

gznA militancia de Galiza Nova enfróntase ao reto de continuar co traballo que xa se iniciou hai 100 anos coa Asemblea Nazonalista de Lugo e que continuou en pleno franquismo cando se comezou a celebrar o Día da Patria. Recollemos esta herdanza e máis a das mozas que en xullo do 88 se xuntaron en Compostela para crear a organización xuvenil da fronte patriótica, e así achegar a loita pola liberación social e nacional á mocidade daqueles tempos. A encomenda non é pequena, tal e como estamos inmersas nos tempos da militancia líquida, onde saír á rúa defender os nosos dereitos e organizarse en colectivos sociais ou políticos xa non está de moda nin reporta moitos likes coma a militancia máis cómoda desde o sofá.

Traballar estes dous anos desde a Comisión Permanente permitiume coñecer de primeira man o funcionamento da organización, ver como é a primeira liña na política xuvenil. Despois do camiño iniciado no cal estreitamos a relación entre as Asembleas Comarcais e a organización nacional, foron moitas horas en coche para achegarnos a toda a militancia e poder así contrastar dun xeito máis directo as nosas iniciativas. Grazas a isto, ademais de coñecer moito mellor o País, tamén permite poñerlle cara a toda esa xente que traballa desde as localidades e as comarcas para continuar expandindo o ideario nacionalista do BNG. Isto tamén supuxo escoitar todas as críticas que esta militancia puidera ter, sempre co afán de seguir mellorando a nosa capacidade de acción entre a mocidade galega.

Foron dous anos de traballo intenso, coma cando chegou o bus de Hazte Oír a Compostela e fomos das primeiras en saír á rúa para enfrontarnos á súa transfobia. Ou coma organizamos as Semanas da Patria para socializar esta data entre a mocidade organizando actos en cada recuncho do País, seguidas do Festigal e as manifestacións do Día da Patria. Puxemos sobre a mesa propostas concretas para mellorar as condicións de vida da mocidade coa campaña das 50 medidas para liberar Galiza. Ou quizais con accións máis puntuais e concretas, como foi a queima do espantallo de Felipe VI, pero que mostraron claramente cal é o noso ideario. Mais quizais o traballo máis intenso de análise e debate deste período foi o propio período preasemblear, con todas as asembleas que supón e a súa organización.

Ser militante require tempo e dedicación, implica adquirir moitísima formación, traballar arreo, aprender a escoitar e a debater coas compañeiras, e incluso, pode supoñer que as nosas amizades máis próximas ou familiares se sintan agraviadas. Pode chegar a non resultar para nada sinxelo. Máis dunha vez houbo quen me preguntou se verdadeiramente me compensaba investir tantas horas en Galiza Nova, e a resposta foi clara. Sempre compensa. Traballar man a man nun proxecto coma o do BNG, mais coa perspectiva da mocidade, loitar por aquilo no que cres, sentir que si que se pode cambiar este anaquiño do mundo no que vivimos sempre compensa. E compensa moito máis cando o fas da man de compañeiras coma as que militan nesta casa.

O sábado en Compostela culminaremos esta tempada de intensos debates acerca de todo o que levamos feito nestes anos, de análise do panorama que nos rodea, e de propostas para continuar a loita. Porque 30 anos de loita non son nada e menos aínda sabendo todo o que está por vir. Alí estará Galiza Nova, desenvolvendo propostas para a mocidade galega.

(*) O artigo foi publicado orixinalmente no diario Sermos Galiza a 23 de novembro de 2018.

Iria Carreira é membro da Dirección Nacional de Galiza Nova e médica residente.

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão /  Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão /  Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão /  Alterar )

Connecting to %s