GALIZA | Na quinta feira (25), coincidindo coa declaración d@s ’19 de Meirás’ no xulgado de Betanzos, o Parlamento Europeo aprobaba unha resolución contra o fascismo que incluía exixir a ilegalización de fundacións fascistas como a Francisco Franco. A resolución, da que foi principal impulsora Ana Miranda -xunto á italiana Eleonera Forenza e a sueca Soraya Post- , tivo unha larga repercusión nos medios estatais e nas redes. A excepción foi, máis unha vez, a CRTVG.
A propia Ana Miranda informou na mañá da quinta feira, a medio dun tuit, da aprobación da resolución, momentos antes de a nova ser difundida polo BNG e agradecida publicamente pol@s ’19 de Meirás’ que estaban nese momento en plena declaración diante da xuíza de Betanzos. Rapidamente a nova se espallou polas redes sociais, coa imaxe da eurodeputada do BNG no hemiciclo do Parlamento europeo erguendo dous carteis cos slogans “Fascismo Nunca Máis” e “Ilegalización Fundación Franco”.
A noticia da que foi considerada unha resolución histórica, tivo ampla repercusión dos medios de comunicación da Galiza e do Estado español, provocando que buscasen a voz de Ana Miranda. A execpción foron a TVG e a Radio Galega. A propia eurodeputada do BNG -e, a seguir numerosos usuarios das redes sociais-, denunciaba publicamente a censura nos medios públicos galegos, mais escandalosa aínda se tivermos en conta que recentemente a TVG entrevistou o Presidente da Fundación Franco.