Villarejo: a vinganza das cloacas do Estado ameaza o Rexime de 78

juan-carlos-23-fINTERNACIONALNicolas Tomás (El Nacional) / Despois do Consello de Ministros desta sexta feira, os xornalistas preguntaron con insistencia á portavoz Isabel Celaá sobre as gravacións de Corinna zu Sayn- Wittgenstein. “Non as consideramos”, limitouse a responder Celaá, con certa incomodidade. “Afortunadamente, non afectan o xefe de Estado actual”, xustificaba. Mais si que implicaban directamente o rei emérito Juan Carlos I. E detrás das revelacións había un nome coñecido, un personaxe turbio que voltaba a ameazar con pór en marcha o ventilador: José Manuel Villarejo.

As gravacións feitas polo excomisario á ex-amante do rei emérito revelaban, entre outras cousas, o papel chave que tería o anterior xefe de Estado na trama do Instituto Nóos, que levou o seu xenro Iñaki Urdangarín ao cárcere. Tamén que teríautilizado Corinna como testa de ferro, que lle tería dado arquivos claves do CNI, que tería cobrado 80 millóns de euros de comisión polo AVE á Meca ou que se tería acollido á amnistía fiscal do ministro Montoro. Curiosamente, agora o goberno de Pedro Sánchez decidiu que non difundirá os nomes dos defraudadores que se acolleron a ela, aínda que cando estaba na oposición exixía facelo.

Villarejo, un vello coñecido das cloacas do Estado que acumulou moita información ao longo das últimas décadas, volta ao ataque. E faino contra a Casa Real e contra Juan Carlos I, o rei emérito, unha figura chave da Transición e do estabelecemento do réxime de 78. A diferenza é que agora, a diferenza de anteriores ocasións, ten pouco a perder.

Hoxe encóntrase no cárcere. Dous días despois do encarceramento do exvicepresidente Oriol Junqueras e o resto de membros do Govern, o excomisario ingresou tamén no centro penal de Estremera, tamén por orde da xuíza Carmen Lamela da Audiencia Nacional. É acusado de integrar unha armazón empresarial para reintroducir no Estado español e outros países da Unión Europea fondos procedentes de actividades ilícitas vinculadas á corrupción internacional. É investigado polos delitos de organización criminal, suborno e branqueamento de capitais.

Quen hai detrás da filtración das gravacións é aínda un misterio por resolver. O mesmo Villarejo, que é quen as fixo, desvinculouse. A súa defensa fala dunha “estratexia policial e mediática orquestrada” contra a súa liberdade provisional. Sitúao na mesma guerra de comisarios que puxo luces e taquígrafos á Operación Catalunya.

O que si que está claro despois deste novo episodio é que o comisario aínda ten información comprometedora.

Información é poder

O seu nome xa é habitual de case todos os casos de espionaxe política desde a Transición. Os máis recentes, o caso Gürtel, a Operación Catalunya ou o caso do Pequeno Nicolás. El describíase como “servidor do Estado” na entrevista inédita que lle fixo Jordi Évole no programa Salvados. Concretamente serviu ao Estado desde as súas cloacas, onde todo costuma ser moi opaco e, ás veces, tamén suxo.

A súa carreira policial comezou en 1972, a finais da ditadura, en San Sebastián, onde foi destinado na comisaría provincial para formar parte da loita contra a banda terrorista ETA. As súas prácticas xa eran entón discutíbeis, chegando a practicar a tortura. “Eu sería imbécil se dixese que algunhas veces non dei hostias e tal. Ademais, estaba comprometido e cría que estaba a facer ben”, dicía o mesmo comisario nunha entrevista no diario Público. Tamén que “axudaban” algúns presuntos etarras a suicidarse. Acabou recibindo a Cruz ao mérito policial con distintivo branco.

Na década dos oitenta, o comisario decidiu collerse á excedencia e pasar ao sector privado. Entre 1983 e 1993 montou unha armazón empresarial que ía desde a investigación privada e un bufete de avogados até empresas inmobiliarias ou hospitais. Segundo o El País, chegou a ser titular de 46 sociedades cun patrimonio duns 46 millóns de euros.

En 1993 reincorporouse á policía como axente encuberto. O primeiro gran escándalo ao que aparece vinculado é o informe Veritas, publicado polo diario El Mundo en 1994 e encargado polo ministro do Interior socialista José Luis Corcuera. O informe recollía información sobre a vida privada do xuíz Baltasar Garzón –e empresarios como Javier de la Rosa–, que naquel momento xa estaba a vascullar no terrorismo de Estado dos GAL. O obxectivo era deter en seco as investigacións.

Dúas décadas máis tarde, voltaría a aparecer o seu nome nos medios por outro gran escándalo: o da Operación Catalunya. Como declarou ante notario o mesmo Villarejo, el participou da “brigada política” do ministro Jorge Fernández Díaz que buscaba atacar o auxe do independentismo. Foi destinado a Barcelona e redactou, entre outros, o informe sobre a familia Pujol.

Hai outros episodios aínda máis turbulentos da traxectoria de José Manuel Villarejo. Nestes momentos tamén está a ser investigado polo intento de apuñalamento da dermatóloga Elisa Pinto. Esta doutora acusara de acoso o empresario Javier López de Madrid, implicado en casos de corrupción como o caso dos cartóns black. López Madrid é un personaxe moi ben relacionado. Sen ir máis lonxe, é o compi yogui da raíña Letizia. Unha vez máis, a Casa Real no ollo do furacán.

A ameaza do ventilador

Durante todas estas últimas décadas, tanto como axente encuberto da Policía Nacional española como como axente de investigación privada, Villarejo foi acumulando moita información sobre os máis poderosos do Estado español. Tena debidamente rexistrada, como as conversacións con Corinna zu Sayn- Wittgenstein, porque ten tendencia a gravalo todo. E a vinganza é un prato que se serve frío desde a prisión de Estremera. Máis aínda cando se acumulan os casos xudiciais. No medio, a guerra de comisarios e o CNI, o seu principal adversario.

Sen ir máis lonxe, segundo adiantou Público en xaneiro de 2017, esta “brigada política” da policía xa ameazou a Casa Real e mesmo o CNI con levantar a alfombra sobre a relación de Juan Carlos I coa súa amante. O obxectivo do director adxunto operativo (DAO), Eugenio Piñeiro, era o de deter as investigacións sobre esta policía paralela. As gravacións feitas públicas, segundo dixo Villarejo esta semana, estaban en mans das unidades de Investigación Tecnolóxica e de Asuntos Internos da Policía Nacional española.

A Fiscalía Anticorrupción sostén que a publicación das gravacións é un intento do excomisario para que sexa posto en liberdade. O problema para o Estado é que, a través desta chantaxe, coñécense máis detalles turbulentos sobre o inviolábel Juan Carlos I, descrito durante décadas como o heroe da Transición, do réxime do 78.

Este artigo encóntrase no El Nacional.cat

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão /  Alterar )

Google photo

Está a comentar usando a sua conta Google Terminar Sessão /  Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão /  Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão /  Alterar )

Connecting to %s