GALEGO CERTO | *Aportar, é un deses castelanismos omnipresentes na comunicación pública no uso que habitualmente se dá a este termo. A palabra aportar é correcta apenas co sentido de ‘chegar a porto’. Para o resto dos casos utilicemos contribuír, fornecer, achegar, facilitar, proporcionar, subministrar… E tamén contribución ou contributo en vez de *aportación.
Vémolo aquí con algúns exemplos:
Cada casa *aportou 10 euros para o composteiro comunitario
Cada casa contribuíu con 10 euros para o composteiro comunitario.
Cada casa achegou 10 euros para o composteiro comunitario.
*Aportou a documentación completa do expediente.
Facilitou a documentación completa do expediente.
Após seren *aportados todos os datos, a asemblea apoiou a proposta por unanimidade.
Após seren fornecidos todos os datos, a asemblea apoiou a proposta por unanimidade.
A publicación representa unha *aportación imprescindíbel para coñecermos mellor a obra de Manuel María.
A publicación representa un contributo imprescindíbel para coñecermos mellor a obra de Manuel María.
A RAG, aínda sendo consciente de se tratar dun castelanismo, recolle o termo aportar no dicionario, mais suxerindo utilizar a “forma máis recomendábel” achegar. Porén, ese mesmo dicionario -e o VOLG- non recolle a forma contributo, usual na lingua literaria e común en Portugal, mais si contribución.
Vexamos agora un exemplo de uso correcto do termo aportar, nun fragmento do poema Ítaca, de Kostantin Kavafis:
Mais non apresures nunca a túa viaxe.
É mellor que dure moitos anos
e que xa vello aportes á túa illa,
rico do que gañaches no camiño,
sen esperar que Ítaca te enriqueza.