GALEGO CERTO | A expresión ‘ao mellor’, infelizmente bastante habitual, é un calco do castelán ‘a lo mejor’. Debemos evitala porque, aliás, nós temos expresións propias que podemos empregar. Con iso contribuiremos, ademais, para fortalecer a súa presenza na lingua viva. Digamos ‘se callar’, ‘talvez’ ou ‘se cadra’.
Se quixermos expresar posibilidade ou incerteza debemos recorrer a termos propios da nosa lingua e evitar castelanismos (*ao mellor) ou hipergaleguismos (*cecais). Podemos utilizar ‘é posíbel que’, ‘talvez’, ‘se callar’, ‘se cadra’…
‘Talvez’ e ‘é posíbel que’ exixen o verbo en subxuntivo:
Talvez mañá chova
É posíbel que mañá chova
‘Se callar’ e ‘se cadra’, porén, irán co verbo en indicativo:
Se callar, mañá chove
Se cadra, mañá chove
As formas ‘quizá’, ‘quizás’, ‘quizais’ e ‘quizabes’, a pesar de figuraren no VOLG e no dicionario da RAG, non son recomendábeis por resultaren da influencia do español. De facto, os dicionarios de portugués rexistran ‘quiçá’ como empréstimo do español aínda que practicamente carece de uso. Privilexian ‘talvez’ e ‘se calhar’. Fagamos o propio!