GALEGO CERTO | Entre os erros máis habituais, resultado da interferencia do español, está *convinte. Trátase dun ‘hipergaleguismo’ que aparece como consecuencia de procurar a diferenza -neste caso desnecesaria- co español e formado por similitude con palabras como saínte ou seguinte. O correcto é conveniente, como tamén inconveniente.
*Inconvinte, *provinte, *intervinte ou *nutrinte son erros que debemos evitar. Tamén os chamados hipergaleguismos ou hiperenxebrismos -esas palabras de aparencia moi galega mais que na realidade non o son- acontecen como resultado da interferencia do español e, nesa medida, representan un problema similar ao dos castelanismos.
O curioso é que a terminación -inte, que moita xente percibe como ‘a máis galega’, non é a máis frecuente. Polo contrario, ocorren con máis frecuencia as terminacións -ente e -iente. Reparemos na forma correcta das seguintes palabras:
- En -iente: Conveniente, inconveniente, proveniente, interveniente, ambiente, nutriente, expediente, consciente, obediente, sobresaliente, etc…
- En -ente: Adherente, atraente, batente, conducente, dormente, fervente, pendente, relucente, sobrevivente, vivente, etc…
Cómpre evitar tamén hipergaleguismos do tipo: *durminte, *vivinte, *atraínte… ou tamén *ambente, *expedente, *conscente…
Eis algúns exemplos:
É conveniente tentar corrixir os erros que se producen na nosa lingua por interferencia do español.
Estamos a padecer unha onda de calor por causa de ar quente proveniente do norte de África.
Ese é un proxecto moi atraente e que pode resultar beneficioso para o ambiente.