GALIZA | A Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais da Galiza, que agrupa máis de cincuenta entidades sociais, anuncia un acto de presentación na cidade da Coruña que decorrerá na terza, 3 de abril, ás 8 da tarde, no local da ONCE (Cantón Grande, nº 3).
A Plataforma convida a asistir ao acto lembrando que estamos a vivir no ámbito do Estado español “unha involución nos dereitos individuais e colectivos que fai que a propia supervivencia de Galiza como país estea ameazada” e salienta que, neste contexto, o obxectivo da iniciativa é “visibilizar a existencia da nación galega, así como reivindicar os dereitos políticos asociados a esta súa condición”.
Vía Galega xa foi presentada publicamente en Compostela no pasado 3 de marzo perante máis de 200 persoas, nun acto conducido por Xurxo Souto e en que interviñeron Suso Seixo (Fundación Moncho Reboiras), María Xosé Bravo (Galiza Cultura), Bruno Lopes Teixeiro (Fundaçom Artábria), Susana Méndez (CIG), María Bará (ERGUER) e Antón Laxe (Fundación Manuel María).
Nese acto, Vía Galega explicou o seu propósito de se constituír nunha iniciativa social ampla e plurar para traballar pola defensa dos intereses da Galiza e polo recoñecemento dos dereitos colectivos que lle corresponden como povo, nomeadamente o dereito de autodeterminación.
A Plataforma está constituída nesta altura por máis de 50 entidades sociais de todo tipo, desde a CIG até asociacións culturais, fundacións ou centros sociais. Mais, para alén da conformación como entidade integrada por colectivos, Vía Galega incentiva tamén a adhesión individual, que é posíbel realizar através dun formulario na súa páxina web, viagalega.gal. A Plataforma ten xa presenza nas redes sociais: Twitter @viagalega e Facebook Via Galega.