GALIZA | O BNG preséntase como “unha ferramenta colectiva, democrática, aberta e viva, ao servizo do pobo galego” para traballar na rúa e nas institucións “en favor da construción dunha Galiza soberana, xusta, próspera e igualitaria”.
O resultado das pasadas eleccións galegas xerou, sen dúbida, unha onda de simpatía cara á organización nacionalista. Agora o BNG quere converter esa simpatía en compromiso militante porque, asegura, “non hai proxecto político verdadeiramente transformador que non se sustente en mulleres e homes con compromiso” e acrecenta que esa é a maior fortaleza “dunha organización como o BNG: a súa militancia”.
Para iso, a frente nacionalista vén de lanzar unha campaña, con especial énfase na redes sociais, sob o slogan Móllate connosco. Súmate ao BNG! O soporte fundamental é un video en que mozas e mozos que veñen de se incorporar ao BNG explican as razóns polas que deron ese paso.
No texto en que se apoia a campaña, o BNG enfatiza que o nacionalismo galego é “a resposta do noso pobo á situación de dependencia e de subordinación política, económica e cultural da Galiza” e coloca como principal obxectivo a conquista do dereito de autodeterminación da nación galega e “pleno exercicio da súa soberanía”.
Subliña tamén a organización nacionalista que detrás do BNG non hai poderes económicos ou mediáticos, senón “milleiros de persoas honestas e comprometidas, orgullosas da súa condición de galegas e galegos, que dan diariamente a cara pola defensa do pobo traballador galego e pola causa da liberdade da Galiza”.
LER MÁIS na WEB do BNG