GALIZA | Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, convoca máis un ano a Homenaxe da Mocidade a Rosalía e Castelao na véspera do Día da Patria Galega. A mocidade nacionalista concibe este acto como unha forma de reivindicar a actualidade do seu ideario que, en palabras de Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova, pasa pola “autoorganización, con ferramentas propias para termos unha Galiza ceibe onde vivir e traballar, porque hai unha aposta polo nacionalismo dende a mocidade galega”.
O acto simbólico decorrerá no 24 de xullo ás 17:30 no parque de Bonaval e nel intervirán a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera; e a responsábel nacional da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, Lucía Veciño. Ademais, actuará a banda de rock galego Nao.
Segundo salienta Alberte Mera, este evento vai dirixido “a mozos e mozas que loitan polos dereitos que nos corresponden, porque a vixencia do pensamento de Rosalía e de Castelao segue de máis actualidade ca nunca”. Galiza Nova denuncia que máis de 140.000 mozos e mozas marcharon do noso país dende que chegou Feijóo, “un feito como a emigración denunciado daquela por Rosalía que se segue a producir case nas mesmas condicións ao escaparen da precariedade laboral”, destacan.
“Vivimos nun país colonizado, tanto cultural como ideoloxicamente, mesmo podemos dicir que policial e militarmente, e para nós é un orgullo reivindicar estas figuras nos actos do Día da Patria; como nacionalistas e independentistas así o defendemos”, afirmou Jasper, cantor de Nao, na presentación do evento. “Vai ser un concerto intenso e próximo, porque a mellor homenaxe e reivindicación é estar cantando coa nosa xente ese día aquí”, concluíu.
LER MÁIS na WEB de GALIZA NOVA