LINGUA | O ex-Presidente da Mesa, que será novamente candidato do BNG ao Congreso nas próximas eleccións de 26 de xuño, participou na grande manifestación do 17 de maio e mostrouse sorprendido de que 23 representantes electos no 20D “non presentasen máis que unha iniciativa vinculada ao galego”, iniciativa que, aliás, falaba conxuntamente de galego, catalán e euskera.
“En cinco meses -salientou Carlos Callón-, os 23 representante presentaron oito milésimas ao mes de iniciativas vinculadas ao noso idioma, non sabemos se é por nugalla, desinterese ou porque non lles deixan os seus grupos”. Callón subliñou que como representante do BNG no Congreso, “teríame que cortar as mans para non presentar iniciativas constantes para conseguírmos a igualdade de dereitos para o noso idioma”.
Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou Núñez Feijóo de practicar unha política lingüística de “escracho” e “desafiuzamento” da lingua galega dos ámbitos do Ensino, Sanidade, Xustiza e Medios de comunicación e insta o Partido popular a votar favorabelmente a Moción do BNG que será debatida no vindeiro pleno do Parlamento da Galiza co fin de “iniciar unha nova etapa para o noso idioma”.