CULTURA | A obra Rinconete y Cortadillo de Miguel de Cervantes foi a elixida polo Goberno municipal de Compostela que encabeza Martiño Noriega para celebrar o 175 aniversario do histórico teatro da cidade. A decisión provocou diversos comentarios nas redes cunha pregunta central: Por que non conmemoralo con teatro galego?
“E logo non hai teatro galego con historia abonda para celebrar este aniversario na capital da Galiza?” (@iriamendezgz); “@CCultura @PazodeRaxoi @BrancaNovoneyra @CSocioCulturais @XuventudeCompos @santiagoturismo Pergunto, e não temos teatro clássico galego?” (@isabelreibr); “Marea Cervantina! Compostela Aberta celebra 175 anos T. Principal con ‘Rinconete y Cortadillo’. Non saberán que teatro galego tm existe?” (@iagolousada). Estes son algúns dos comentarios que puideron verse nas redes sobre o a actividade central da conmemoración do aniversario do Principal.
Recentemente, como recolleu este blog, o deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, interviña no Congreso dos Deputados para manifestar a ‘indignación’ co goberno de Rajoy por non conmemorar adecuadamente o cuarto centenario da morte de Cervantes. Naquela altura a pregunta que percorreu as redes foi: E non terá xa a literatura española moito quen a defenda? Non sería mellor preocuparse pola literatura galega, por exemplo polo desinterese do Goberno español polo centenario das Irmandades da Fala?