CULTURA | O concurso organízase por segundo ano co obxectivo de dar a coñecer artistas emerxentes galeg@s e en galego. “O Festigal rebélase contra as políticas contrarias á cultura galega e fomenta a nosa identidade e a creación desde a base”, destacou Alberte Mera, Secretario Xeral de Galiza Nova. A banda ou artista gañadora abrirá no 24 de xullo o Festigal 2016, para alén de recibir un premio de 300 euros.
O Festigal, o grande evento cultural e lúdico que acompaña a celebración do BNG do Día da Patria Galega, está en constante crecemento. As entidades organizadoras -a organización xuvenil do BNG e a Fundación Galiza Sempre- sinalan que os dous últimos anos chegou a cifras récord de asistencia e mesmo recibiu a distinción como mellor festival galego nos “Premios Martín Códax da Música Galega 2015”.
No contexto do Festigal, é convocado novamente o concurso de ‘Novos valores’. Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre, destaca que “somos un país de artistas e no Festigal queremos pór en marcha esta ferramenta de difusión para descubrir novos talentos que fagan música e letras en galego”.
Pola súa parte, Alberte Mera indica que este concurso fomenta a divulgación de creador@s e artistas descoñecidos no ámbito musical, nun tempo en que a Xunta “trata con absoluto desleixo a creación musical do noso país”. Mera sinala que a Xunta recorta o orzamento público do sector musical galego, á vez que fomenta artistas enriquecidos de fóra do país, “cunha política cultural afastada da nosa cultura”.
Na presentación pública do certame participaron tamén Marcos Paino, músico e membro do xurado, e Cruz Negreira, de Maianas, grupo gañador da anterior edición. Cruz Negreira agradeceu “o labor de promoción cultural do Festigal para axudar a estas bandas emerxentes, xa que non se está a facer desde outros ámbitos”.
A representante de Maianas salientou que a participación no Festigal é “unha experiencia boísima, axuda a abrir outras portas e a gañar visibilidade no panorama da música galega” e animou todos os grupos que fan música en galego a participaren, especialmente os que non teñen canles de difusión para obter recoñecemento.
O xurado estará composto por artistas e profesionais da música: Xurxo Souto, Arancha Alfaia, Marcos Paino e “Mini” Rivas, ademais da comisión organizadora do Festigal. O cartaz desta edición está deseñado polo cambadés Emmanuel Joven. As bases do certame poden ser consultadas na web http://festi.gal.
LER MÁIS na WEB DE GALIZA NOVA