Xosé Ferreiro: “…e sempre estaremos aí”

Ferreiro.jpg

OPINIÓN |O Deputado Provincial e Portavoz do BNG na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, escribe sobre a lingua, sobre quen a defende e quen a ataca: “A sentenza sobre o regulamento do uso do galego no concello de Lugo é un duro revés para os que traballamos todos os días a prol da supervivencia do galego”. E, no entanto, “Nunca baixaremos os brazos nin nos daremos por vencidos.  Amamos a Galiza e, por iso, sempre estaremos aí”.

Querémoslle a este país. Amámolo nas cousas boas e nas non tan boas. Aceptamos os seus días de chuvia, as xeadas e ata a néboa do invernos ao igual que a calor moderada ou o nordés dos veráns. Resignámonos co conservadorismo de moitas das súas xentes ao igual que nos ilusionan os inmensos movementos sociais e solidarios que xorden cando hai dificultades.

É o pais que temos, para ben ou para mal. É o país que foron construíndo pedra a pedra os nosos antepasados, xeración tras xeración. Somos fillos e fillas de todas esas circunstancias que foron moldeando ese subconsciente colectivo que nos fixo ser como somos. Ese país de contrastes é o país que temos e queremos. Esa historia colectiva e ancestral vivida dá como froito a nosa cultura e a nosa identidade, cultura viva e moi rica onde o idioma é, sen dúbida, a súa espiña dorsal.

O galego converteuse nas últimas décadas no idioma da rebelión e da reivindicación, tanto individual como colectiva. Cando se quere reclamar un dereito, cando se loita contra calquera inxustiza, as pancartas que se escriben, as consignas que se berran sempre están en galego.

O centralismo español, tanto o ideolóxico como o económico, sábeo e é por iso que ten especial interese en que a nosa lingua se vaia esmorecendo. Son perfectamente coñecedores de que acabando co galego matan a capacidade de resistencia colectiva que como pobo podemos ofrecer.

A exterminación de calquera manifestación cultural dun pobo conquistado é o primeiro punto do manual de calquera potencia “colonizadora”. Antes levábase a cabo con espadas ou fusiles; hoxe utilízanse medios de comunicación ou redes sociais. Neste mundo globalizado as tácticas mudaron, aínda que os obxectivos non.

O segundo punto do manual é contar con axuda dentro. Os “colaboracionistas” sempre existiron en todo proceso destas características. O medo ás represalias ou a propia supervivencia eran as razóns da súa existencia. Neste caso iso non é necesario; tan só teñen que usar ese sentimento de inferioridade que existe e interesa fomentar nunha parte da poboación.

Non se trata do idioma que utiliza cada individuo para expresarse, todo o contrario. Cada persoa é froito das súas circunstancias, non tendo unha relación directa o compromiso con Galiza e coa súa cultura coa lingua na que unha persoa se exprese. É unha cuestión de actitude, non de aparencia.

A sentenza que se ditou hai unhas semanas sobre o regulamento do uso do galego no concello de Lugo é un duro revés para os que traballamos todos os días a prol da supervivencia do galego. A sentenza é grave, pero o feito de que exista unha lexislación que a ampare é aínda moito peor.

Resulta bastante evidente que as persoas que interpuxeron o recurso que deu lugar á sentenza non traballan soas nin están a levar a cabo unha actuación illada. Estas representan un proxecto ideolóxico perfectamente definido e coherente, cuns obxectivos ben marcados. Todo este operativo, toda esta organización non sería posíbel que se consolidara se non tiveran un forte apoio económico e político detrás.

Os cambios na lexislación con respecto ao idioma ditada polo goberno de Feijoo, cambiando incluso a filosofía dos gobernos anteriores de Fraga, non son ningunha casualidade nin son alleos a todo este movemento.

Aínda así, queremos ao noso país e seguiremos aí. Seguiremos a traballar polo noso idioma e pola nosa cultura. Defender a lingua significa defender a nosa dignidade como pobo e, ao mesmo tempo, significa loitar contra ese papel periférico que os distintos poderes económicos e políticos lle asignaron a Galiza dentro da economía española e europea.

Este traballo é responsabilidade de todas e todos, cada un no seu ámbito. Nas institucións ou na rúa, nos centros de traballo ou nos recintos deportivos, nos lugares de ocio, no fogar ou nas escolas. Todos os recunchos e en todos os lugares son sitios para traballar a prol da lingua e da cultura.

Nunca baixaremos os brazos nin nos daremos por vencidos. Galiza é como é, cos seus condicionantes e coas súas xentes. Amamos a Galiza tal e como é e, por iso, sempre estaremos aí.

Anúncios

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão /  Alterar )

Google photo

Está a comentar usando a sua conta Google Terminar Sessão /  Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão /  Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão /  Alterar )

Connecting to %s