Novos datos fan crecer o escándalo pola relación entre os reis españois e López Madrid

efe-reyes

INTERNACIONAL | Cada día que pasa é maior o escándalo pola amizade revelada entre os reis españois e o empresario Javier López Madrid, ex-conselleiro de Bankia e Caixa Madrid implicado no caso dos cartóns ‘black’. ElDiario.es, que xa fixera públicas as mensaxes cariñosas entre uns e outros, dá máis detalles sobre as conexións de Felipe VI e Letizia con López Madrid.Segundo datos recuperados do teléfono móbil do empresario, o contacto con reis españois prolongouse, cando menos, tres meses máis desde que saltou o escándalo dos cartóns utilizados polos directivos de Bankia como complementos de soldo non declarados. Até 17 de xaneiro de 2015, un sábado, cando as dúas parellas foron ao cinema pola noite e coincidiron na mesma sala.

Isto é o que se desprende das mensaxes enviadas por Felipe VI ao empresario. Ás 22:02 horas daquel día, o monarca escribiu desde o seu teléfono móbil ao de Javier López Madrid, celebrando que se tivesen encontrado e convidándoo a combinaren cando saísen.

Ás 00:36 horas de domingo, 18 de xaneiro, Felipe VI escribe de novo, dicindo que se achan “ao fondo á dereita”, supostamente nun local próximo á sala de cinema, unha vez finalizada a sesión do filme que foran ver.

Aquel día, cando  uns e outros se viron, había xa tempo que López Madrid estaba salpicado polo caso dos cartóns opacos de Caixa Madrid. Para alén de 17-18 de xaneiro de 2015, non hai constancia de máis contactos entre el e os reis españois, porque os datos posteriores do seu teléfono móbil foron eliminados.

Os datos que foi posíbel recuperar do teléfono de López Madrid inclúen aínda unha mensaxe que enviou a Felipe VI en 30 de xaneiro, con motivo do aniversario do rei. É unha felicitación que asina co seu nome de pía e o da súa esposa. Mais, pola falta de datos posteriores non é posíbel saber se o rei respondeu aos parabéns e se houbo mensaxes máis adiante.

Con todo, aquel mesmo día o empresario aínda recibe unha mensaxe (pouco antes de el envíar os parabéns ao rei), que se puido recuperar; é o seu consultor de informática, que di: ‘Temos o “backup” [copia de seguranza] do móbil para o xulgado. Todo controlado. Explicareicho a próxima semana, unha aperta e bo fin de semana. Se viñeres a Vaqueira, avísame’.

Por tanto, López Madrid dispuña dunha copia de seguranza, que fixo a empresa Aiuken. Non está claro se a empresa fixo un borrado parcial dos datos do móbil ou se foi el quen eliminou os datos cando tivo a copia de seguridade. Segundo ElDiario.es fica claro que o móbil ‘foi manipulado antes de ser entregado en sede xudicial’.

Do ‘compi yogui’ ao cinema

Esta información acrecéntase á publicada cuarta feira coa difusión dunhas mensaxes que trocaran en outubro de 2014. Unhas mensaxes en que a raíña Letizia daba apoio ao empresario após estalar o caso dos cartóns ‘black’.

Dicían: “Escribinche cando saíu o artigo do dos cartóns na merda de LOC [unha sección do xornal El Mundo] e xa sabes o que eu penso, Javier. Sabemos quen es, sabes quen somos. Coñecémonos, querémonos, respectámonos. O demais merde. Un beixo compi yogui (miss you!!!)” Foi apenas cinco días despois do estalido do escándalo cos detalles dos gastos de cada executivo de Bankia. López Madrid gastou 34.807 euros co cartón opaco de Bankia, entidade que fora rescatada con 23.000 millóns de euros de diñeiro público.

Información tirada de vilaweb.cat

Anúncios

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão /  Alterar )

Google+ photo

Está a comentar usando a sua conta Google+ Terminar Sessão /  Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão /  Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão /  Alterar )

w

Connecting to %s