LINGUA | A plataforma cidadá advirte dos intentos de suprimir por vía xudicial os acordos comúns e unánimes conquistados pola sociedade galega e promove o primeiro acto contra a sentenza do TSXG que limita o uso do galego no Concello de Lugo. Será na próxima cuarta feira, día 16, ás 11.30 diante da Casa do Concello.
A Plataforma cidadá Queremos Galego avalía moi negativamente o contido da sentenza ditada polo TSXG contra a Ordenanza de uso do galego polo Concello de Lugo por entender que “restrinxe o seu uso á subordinación ao castelán e impide unha acción pública real e práctica a favor do galego por parte da administración municipal”.
A sentenza feita pública no pasado 4 de marzo elimina os artigos que sinalan que “o galego é a lingua propia de Galiza, e oficial do Concello de Lugo” o que, no xuízo de Queremos Galego, “se traduce nas limitacións para utilizalo na rotulación, sinalización das vías públicas, as empresas mentres realizan traballo para o concellos, actividades subvencionadas, formación do funcionariado ou como lingua de atención preferente á cidadanía”.
Segundo sinalou o portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, “estase buscando romper por vía xudicial todos os acordos a favor da lingua galega conseguidos grazas á presión da sociedade”. Para Maceira, mostra destes acordos é a unanimidade de todos os partidos da corporación municipal de Lugo a favor da ordenanza, ou a ratificación impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística do acordado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega por todos os partidos o pasado 15 de xullo.
O portavoz de Queremos Galego chamou a participar “a todas as persoas que falan galego ou non, mais que queren espazos públicos para a lingua, igualdade real e práctica a todos os niveis, e a reposición e rehabilitación para que todas e todos a poidamos usar con normalidade sen limites, sen subordinacións e sen exclusións”.
Con esta concentración a favor da Ordenanza de uso do galego, Queremos Galego comezará unha serie de actos de mobilización social “en defensa das conquistas do pobo galego en relación á súa lingua, a súa maior creación colectiva”, de que darán conta no próxima segunda feira, 14 de marzo, nunha conferencia de imprensa que convocan ás 11.30 na libraría Couceiro de Santiago de Compostela.