LINGUA | Marcos Maceira: “O TSXG pretende ilegalizar todos os acordos sobre o galego”. “Agredir mediante sentenza o noso maior sinal de identidade é agredir o conxunto de Galiza”, afirmou o Presidente da Mesa.
A Mesa pola Normalización Lingüística manifestou a repulsa pola sentenza “ideolóxica” do TSXG feita publica nesta sexta feira contra a Ordenanza de normalización lingüística de Lugo que, lembraron, foi aprobada por unanimidade polo pleno da Corporación Municipal.
A xuízo da Mesa, o TSXG “pretende ilegalizar unha posición social maioritaria no conxunto do pobo galego, a de que a lingua propia de Galiza é o galego, que é o noso principal elemento de identidade colectiva, e que se atopa nunha absoluta situación de desprotección, aínda cunha lexislación que no mellor dos casos non se aplica e se vulnera constatemente”.
Afirma a Mesa que con esta sentenza o TSXG “renega de ser de Xustiza e de ser de Galiza”. O Presidente da entidade foi contundente na denuncia da actitude do Tribunal: “Que xustiza hai nunha sentenza que pretende manter a exclusión histórica do galego, perpetuar a súa invisibilización e mantela e inaudíbel na administración local? Pode ser de Galiza un tribunal que despreza así o maior sinal de identidade de Galiza?”, preguntou.
Acrecentou aínda Marcos Maceira que a maioría das galegas e galegos, falantes ou non de galego, “queren a súa lingua e queren que a administración actúe para repola e rehabilitala, como pretendía facer minimamente o Concello de Lugo a través da ordenanza”, e lembrou que “foi aprobada por unanimidade en correspondencia coa posición manifestada por todas as forzas políticas ao aprobaren o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, ratificado en xullo na Declaración de Unidade promovida pola Mesa”.
LER MÁIS na WEB DA MESA