En Marea, albo de críticas por non defender os intereses da Galiza en Madrid

La Diputada De En Marea Alexandra Fernández

GALIZA | A ausencia de propostas en relación á Galiza e a subordinación a Podemos está a motivar numerosas críticas á representación de En Marea nas últimas semanas. Anova tivo que recoñecer que actúan “sen autonomía nin voz propia”.

En Marea fixo bandeira durante a campaña electoral do ‘Grupo Parlamentar Galego’ para tentar tirar ao BNG e a NÓS un dos principais argumentos: só unha candidatura con forzas galegas garantía a constitución dun Grupo independente. Para alén de se constatar que Nós-BNG tiña razón, a ‘negociación’ para formalizar o grupo foi a primeira evidencia da renuncia de En Marea a actuar de forma soberana e da subordinación ao partido de Pablo Iglesias: as xestións non as fixo En Marea senón Podemos que, aliás, falaba abertamente de que querían constituír “catro grupos”.

No Grupo ‘Confederal’ de Podemos

Constatada a imposibilidade de constituír grupo propio, En Marea tiña a opción de se integrar no Grupo Mixto -como fixo Compromís e onde estivo o BNG nos últimos 20 anos- mais optou por se incorporar ao grupo de Podemos. Iso si, rotulándoo de ‘confederal’. No entanto o rótulo non casa moito coa realidade das decisións adoptadas: os tres principais cargos unipersoais que designou o grupo (Presidente, Portavoz e Secretario) corresponde coas tres persoas que encabezaron a candidatura de Podemos en Madrid (Pablo Iglesias, Íñigo Errejón e Carolina Bescansa). Alexandra Fernández será segunda ‘portavoz adxunta’.

Sen propostas sobre Galiza

Saíu Alexandra Fernández (FPG/Anova) da primeira entrevista do Rei de España anunciando o apoio de En Marea a Pedro Sánchez -era, nese momento, a mensaxe de Pablo Iglesias- sen o condicionar a nada que tivese a ver coa Galiza. O mesmo faría após a segunda entrevista e esa ausencia de propostas sobre o noso País tornouse xa escandalosa cando foi coñecido o documento de Podemos para a negociación co PSOE: nin unha palabra sobre a nosa nación e nin sequera se mencionaba unha soa vez a Galiza, fronte a trece en que se fala de Cataluña.

As críticas foron categóricas e obrigaron Beiras a tentar xustificar a deixación na defensa dos intereses da Galiza en base a ‘problemas de conexión’ que irían resolver. Pola súa parte, a defensa de En Marea, por boca do senador Buitrón, foi asegurar que non estaban á marxe do proceso, pois Iolanda Díaz facía parte da comisión redactora. Esta afirmación desmontaba a explicación de Beiras e acentuaba a imaxe de subordinación: non era que non estivesen, é que non se preocuparon por incorporar ao documento propostas sobre a Galiza. A reacción ás críticas foi anunciar que esas propostas figuraría ‘nun anexo’ ao documento, o que motivou novas críticas e até algo de ironía.

Anexo

Galiza, como Estremadura

As críticas subiron de ton cando, nun intento de xustificación da ausencia de referencias á Galiza, Buitrón argumentou que tampouco se falaba no documento de Estremadura ou de Castela-León. A comparación acentuou a evidencia de que En Marea non estaba en Madrid para actuar de maneira soberana en función do ‘suxeito político galego’, como tiñan anunciado na campaña.

Do mesmo modo que non explicitaron a axenda galega para negociar co PSOE tamén non colocaron sobre a mesa ningunha cuestión sobre a Galiza nun encontro en que participaron de forma subsidiaria na delegación de Podemos -como recolleu algún medio, ‘na esquina da mesa’- e nin sequera explicaron por que non continuaron a negociar. En todo o caso, iso evidenciou -unha vez máis- o seguidismo acrítico da estratexia de Podemos.

Inevitábel comparanza co BNG 

As primeiras propostas no Congreso de En Marea tardaron máis de corenta días en chegar e non foron nada orixinais, pois reproduciron algunhas que xa tiña presentado con anterioridade o BNG: Navantia, Alcoa, creación de máis órganos xudiciais, saneamento da Ría do Burgo e creación dunha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia.

Precisamente, o papel subsidiario de En Marea revalorizou o labor que fixo o BNG no Congreso e no Senado ao longo de vinte anos. Foron moitas as informacións e opinións que lembraron que o Bloque sempre condicionou a súa actuación á asunción de solucións para a Galiza.

Especialmente foi lembrado como en 2004, cando os votos dos dous deputados do BNG eran necesarios para garantir a investidura de Zapatero, ese apoio estivo condicionado á incorporación dunha axenda galega e ao aumento dos investimentos: de 700 a 2.000 M€ en catro anos. Portavoces do BNG aproveitaron para salientar a importancia da existencia do nacionalismo para garantir a defensa soberana dos intereses da Galiza en toda a parte.

En Marea, en conflito

Ademais, a plataforma electoral e as forzas integrantes viven en conflito permanente. O máis grave é, sen dúbida, o de Podemos, dirixido por unha xestora e envolto nunha continuada guerra entre faccións. Breogán Riobó, aínda secretario xeral mais sen atribucións, denunciaba que é Madrid quen realmente decide en Podemos-Galiza, após descabezar o núcleo da Complutense unha dirección ‘elexida polos inscritos’.

Tamén Esquerda Unida vive un intenso e conflitivo debate, especialmente polo papel submiso a Podemos de Iolanda Díaz. Na organización de IU na Galiza non se entende como a coordinadora, en lugar de facilitar un grupo parlamentar de Izquierda Unida preferise entrar no ‘confederal’ de Podemos. A organización de EU na Arousa pediu directamente a expulsión de Iolanda Díaz.

Tamén existe descontento en Anova, particularmente polo pobre papel que está a xogar a súa militante Alexandra Fernández, actual ‘portavoz’ de En Marea. Nun documento interno que, no entanto, foi coñecido publicamente e reproducido por diversos medios, a organización de Beiras admitía que actúan ‘sen autonomía nin voz propia’ e que ‘non están cumprindo co prometido’.

Ao mesmo tempo, a proximidade das eleccións galegas e a definición das candidaturas ao Parlamento e á Presidencia da Xunta está a acentúar as tensións entre as entidas integrantes da plataforma. A ‘mareas municipais’ están a se mover para reclamar ‘que se decida por abaixo’, após o acordo de cúpulas das Xerais. E a atraente candidatura á presidencia profundiza a rivalidade entre as aspirantes: Beiras, Martiño, Iolanda, Breogán Riobó ou Tone Gómez Reino.

Múltiplas voces críticas

Foron múltiplas as voces críticas co papel de En Marea que se deixaron escoitar nos últimos tempos, e non só desde o nacionalismo que representa o BNG. Informacións de prensa, artigos, blogues… Nomes como o de Anxo Quintana, Xosé Antón Pérez Lema, Xoán Bascuas, Compromiso por Galicia… Mesmo PP e PSOE se sumaron á constatación da subordinación a Podemos por parte de En Marea, nun exercicio de auto-xustificación que parecía dicir: ‘Benvindos ao sucursalismo!’

Bascuas

Deixamos aquí unha das reflexións aparecidas ao fío da polémica. A feita polo coñecido blogue de análise política Cousas de Imeneo:

En Marea: seis ceros á esquerda

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão /  Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão /  Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão /  Alterar )

Connecting to %s